Sunday 28 de April de 2024

O Pico Sacro recupera a lendaria Cerimonia do Lume Sagrado tras tres anos de ausencia


O Pico Sacro foi esta tarde escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado, despois de tres anos de ausencia, primeiro pola pandemia e despois polas malas condicións meteorolóxicas, que mesmo obrigaron á súa suspensión este domingo 18 de xuño. Porén as tribos celtas de Boqueixón e de Callobre volveron unirse hoxe venres neste emblemático lugar para celebraren o rito co que os antergos celebraban a chegada do Solsticio de Verán.

 

Iso si, a cerimonia foi máis moito máis modesta do habitual, toda vez que a súa celebración tivo lugar nun día laborable ao coincidir coa Festa do San Xoán, pois moitas das súas cacharelas serán acendidas esta noite con este lume procedente do Pico Sacro. O Concello de Boqueixón agradece a colaboración un ano máis da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada), así como dos veciños e veciñas que se uniron a esta representación, que pon o broche de ouro ao programa “Un mes e Pico”.

 

A posta en escena do ritual celta comezou co encontro das tropas na entrada ao cumio do Pico Sacro. Encabezados pola Raíña Alda, a máis fermosa, e polo Druída, continuaron xuntos o seu desfile ata a Capela de San Sebastián. Diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón (cunha lupa no extremo) para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro. Un lume que acendeu rapidamente grazas á forza do Astro Rei, creando deste xeito o Lume Sagrado.

 

Estas chamas serviron para acender candeas que tanto a Raíña Alda coma os/as integrantes das tribos de Boqueixón e Callobre colocaron dentro da ermida. Así mesmo, todos os veciños e veciñas de Boqueixón que puideron achegarse levaron cadanseu Lume Sagrado para acender, deste xeito, as cacharelas de San Xoán desta noite.